Thursday 28 de March de 2024

O vindeiro 25 novembro o Centro Demostrador TIC da AMTEGA abordará as vantaxes que as tecnoloxías en mobilidade achegan ás empresas


A xornada “Smartpeme, peme móbil e conectada” está dirixida a empresas, autónomos e profesionais de diversos sectores interesados en coñecer os beneficios deste tipo de solucións

O Centro Demostrador TIC, xestionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Clúster TIC, organiza o día 25 de novembro nas súas instalacións a xornada “Smartpeme, peme móbil e conectada” (https://cdtic.xunta.es/xornada-mobilidade). O número de prazas é limitado, polo que para asistir é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/xornada-mobilidade.

“SmartPeme, unha peme móbil e conectada” ten como obxectivo ser un punto de encontro onde empresas de diversos sectores de actividade reflexionen conxuntamente sobre unha realidade ineludible: é o momento de levar ás empresas o que xa é normal nas rúas.

Durante a xornada daranse a coñecer os beneficios que a mobilidade achega ás empresas, sobre todo os relacionados coa produtividade destas, na relación cos clientes ou nos procesos de fabricación e produción. Asemade, o encontro busca ser un escaparate para que pemes galegas coñezan de primeira man provedores TIC que poidan converterse nos seus aliados tecnolóxicos no seu proceso de transformación dixital e de adaptación á mobilidade empresarial.

Catálogo de solucións TIC en mobilidade
No marco da xornada presentarase o Catálogo de solucións TIC en mobilidade, elaborado pola Amtega e o Clúster TIC de Galicia, no que se inclúe unha mostra representativa da tecnoloxía en mobilidade ofertada en Galicia. A través deste catálogo, accesible desde a páxina web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/), as empresas poderán localizar facilmente e por múltiples criterios de busca aquelas solucións en mobilidade que mellor se adapten ao seu negocio, así como, identificar provedores tecnolóxicos que llas fornezan.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.